#GDW22
Xuño-Xullo 2022
A Coruña & Online

A Galicia Design Week chega á Coruña do 24 de xuño ao 17 de xullo para mostrar o mellor do deseño galego xunto con referentes nacionais

  • O festival de deseño pioneiro en Galicia vén de lanzar a súa web www.gdw.gal e xa pódense reservar as entradas gratuítas para a súa programación profesional

  • A cidade gozará de sete días de conferencias, presentacións, obradoiros, roteiros, gastronomía, visuais e música, e as exposicións permanecerán ata o 17 de xullo en Palexco e na Praza de Lugo


A Coruña, martes 14 xuño 2022

A Galicia Design Week, a evolución do festival do deseño pioneiro na comunidade Galicia Design Weekend, empeza na Coruña o próximo venres 24 de xuño cun formato híbrido, presencial e online, que reunirá o mellor do deseño galego xunto con referentes nacionais. #GDW22 vén de lanzar a súa web www.gdw.gal con toda a información sobre o evento.

O público poderá gozar da Galicia Design Week de forma gratuíta en catro eixos diferenciados: o Pro, con catro días de conferencias e presentacións; o Showcase, que inclúe tres exposicións dedicadas ao deseño; o Showroom, un escaparate dixital de creacións galegas e un roteiro por estudios e espazos de deseño da Coruña; e o Camp, con catro obradoiros e revisión de portafolios.

O Pro da Galicia Design Week, que poderá seguirse de forma presencial ou online, terá lugar no espazo creativo Studio Follow da Coruña os días 24, 25 e 26 de xuño, a fin de semana de San Xoán, e acollerá conferencias e presentacións con profesionais de referencia do deseño en Galicia e a nivel nacional, ademais dun encontró organizado pola Asociación Galega de Deseño (DAG). Tamén incluirá o V Encontró de Deseño para a Innovación Empresarial, organizado pola Axencia Galega de Innovación o mércores 29 de xuño no CIS Tecnología e Deseño de Ferrol, para o que haberá autobuses desde A Coruña. Para poder asistir ´á GDW Pro é necesario obter a entrada gratuíta na plataforma www.dice.fm.

No Showcase haberá tres exposicións dedicadas ao deseño abertas desde o 24 de xuño ata o 17 de xullo. A sala municipal de exposicións de Palexco acollerá #omellordeseñodoano, cos traballos e traxectorias galegas premiadas en diferentes certames de prestixio internacional, e #futurodeseñogalego, unha mostra dos mellores traballos das escolas públicas de deseño galegas. Por outra banda, a Praza de Lugo será o escenario na rúa da exposición #novodeseñogalego, cunha mostra do mellor talento emerxente da comunidade sobre unha instalación deseñada polo estudio coruñés Flu-or. As tres exposicións serán obxecto dunha visita guiada o xoves 30 de xuño de 18:00 a 20:00, finalizando en Palexco coa presentación do libro “Vivir del Diseño” de Ana Gea, directora da prestixiosa revista Gràffica.

O Showroom será un escaparate dixital de creacións galegas na web do festival, ademáis dun roteiro por diferentes estudios e espazos de deseño da cidade da Coruña.

E no Camp, desde o luns 27 ao xoves 30 haberá catro obradoiros de rexeneración de polígonos industriais, streaming, deseño de mobiliario e branding, ademais dunha revisión de portafolios dirixida a estudantes e mozas e mozos profesionais durante as xornadas do Pro. Para inscribirse gratuitamente nos obradoiros deberán contactar co festival enviando un correo a gdw@follow.gal.

 
 

Un compromiso imprescindible coa sostibilidade

Esta Galicia Design Week continúa o camiño do primeiro gran festival do deseño de Galicia, o Galicia Design Weekend do ano pasado, e inclúese no circuíto de citas internacionais de cidades como Barcelona, Londres, Nova York ou México.

A #GDW22 ten como obxectivos principais achegar o deseño ao gran público, fomentar a conexión e intercambio creativo de A Coruña e Galicia co exterior, impulsar o tecido profesional e o patrimonio cultural galegos e formar a novas xeracións. Ademais, conta cun completo programa de desenvolvemento sostible nos eidos ambiental e social. Así, promoverá acordos de colaboración con referentes galegos en xestión medioambiental que permitirán ao festival compensar o seu impacto no medio a través de proxectos sostíbeis integrais, nos que á pegada de carbono únense aspectos coma os recursos hídricos ou a educación ambiental. Tamén implementará medidas correctoras previas na súa produción, utilizando infraestrutura e materiais promocionais alugados ou reutilizados cada ano, feitos con materiais reciclados, FSC ou libres de pvc. E a inclusión e a perspectiva de xénero estarán no centro de tódalas decisións do festival, desde o equipo ata a programación, cunha porcentaxe de mulleres nunca inferior ao 50%.

O festival está organizado pola asociación Galicia Design e a axencia Follow, coa Asociación Galega de Deseño (DAG), o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), o Clúster da Comunicación de Galicia e a Fundación DIDAC como socias. As institucións patrocinadoras son o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, do Xacobeo 21·22 e da colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN). Tamén colaboran co festival Studio Follow, Artesanía de Galicia, Cervezas Alhambra, News & Coffee, Miraveo e Verde.


Descargar imaxes


Andrea Villa Feijóo
Medios
+34 ‭667 683 551‬
andrea@nocomun.com

Alex Rico Caramés
Director
+34 645 888 210
gdw@follow.gal

You
Should
Follow
Us